20 dic 2015

JINGLE BELLS

Co baile do festival de Nadal, traballado desde á área de Ed. Musical, remato as publicacións por este ano. Toca desconectar.
Bo Nadal a todos e todas!


A MOA

E aquí rematan as obras traballadas no Obradoiro de Expresión deste primeiro trimestre. Os monicreques creados para a ocasión foron realizados desde a área de Plástica con moita creatividade e coa colaboración de toda a clase.
"A moa" é unha historia divertida na que o protagonista sae gañando a pesar das apariencias.

APRENDIZ DE BRUXA

Neste vídeo percíbese o que gozan os nenos e nenas  e tamén faise evidente que algúns teñen madeira de artistas.

A FÁBULA DO BO HOME

Hoxe toca publicar esta representación feita cos tan famosos monicreques.  A incorporación de micrófono provocou dificultades no manexo dos bonecos pero aínda así hai que recoñecer que estes nenos e nenas son uns artistas. Noraboa!

19 dic 2015

BOS DESEXOS POLO NADAL

É unha improvisación pero o da vergoña non é o noso así que gravamos isto para todas as persoas que estades seguíndonos.
Cos nosos mellores desexos para estas datas.
Feliz ano, familias!

TODO É UN CONTO

Para que agora o vexades con tranquilidade e poidades rir o que queirades.

16 dic 2015

FESTIVAL DE NADAL 2015 - 4º

Hoxe tivemos día de festa en 4º. Puidemos compartir o noso traballo de aula (Plástica, Música e Obradoiro de Expresión) coas familias e alumnado de Ed. Primaria. Estas son as fotos das actividades que fixemos, non teñen moita calidade pero non se pode atender  todo e as condicións para facer fotos e vídeos non son moi boas.
Aproveito para os agradecementos:
- Ás familias en xeral por colaborar  en todo o que precisamos.
- Á familia de Airas por ceder parte do seu material audiovisual da xornada.


10 dic 2015

REMATAMOS OS MONICREQUES!

Foi un traballo longo, duro e no que houbo que utilizar moita creatividade, paciencia, compañeirismo... Pero os resultados están a vista: unhas creacións magníficas que servirán de apoio para a actividade que presentaremos o vindeiro mércores.
Parabéns para todos porque xuntos/as podemos conseguir o que nos propoñamos.

5 dic 2015

DETALLES DO DEBATE NO PLENO

Unha hora de debate dá para moito pero eu déixovos un resumo. As ideas recollidas en cada un dos programas electorais son froito do traballo elaborado por cada equipo, en ocasións visitando as dependencias do centro e recabando información de distintas persoas da comunidade educativa.
Está claro que a percepción de cadaquén é moi libre.

SANTIAGO TV - INFORMANDO SOBRE O PLENO DE 4º VITE

Se premes na imaxe terás a posibilidade de ver ao alumnado de 4º a partir do minuto 6,30 durante o debate que fixeron no Salón de Plenos do Concello.

4 dic 2015

EXPERIMENTOS DE 1ºA

Hoxe os nenos e nenas de 1º A, viñeron demostrarnos que se podía atravesar un globo inflado cun pao de "brochetas". Algúns non o criamos posible e quedamos abraiados.
Tamén nos ensinaron como facer para manter suspensa no aire unha boliña de papel de aluminio.
Parabéns a estes pequenos científicos!


DEBATE NO SALÓN DE PLENOS 1

Os nenos e nenas de 4ª de primaria fomos facer un debate no Salón de Plenos do Concello para  presentar as nosas propostas para mellorar o cole. Gustounos moito e sentímonos moi importantes. Nunca fixeramos un debate e encantounos estar alí. De alcalde fixo Diego Ares do partido VN (Vite Nenos), no que ían tamén Antón Lareo, Sara Elisa Caamaño ( tenente de alcalde) e Karla Senín ; todos os demais eran os concelleiros e concelleiras. O novo alcalde, Diego, comportouse como se fose o alcalde de verdade! Durante 45 minutos estivemos debatendo sobre moitas cousas pero terminamos con tres propostas. Todos os equipos tiñamos boas ideas.
Coñecemos a Martiño Noriega e déronnos uns agasallos. Ao remate fixemos unha foto e volvimos para o cole. Foi estupendo ver debater aos outros equipos. 
Pasámolo xenial. Foi unha experiencia inolvidable!"
                                                                                                             (Alumnos e alumnas de 4º)

3 dic 2015

VITE NENOS GAÑA AS ELECCIÓNS ESCOLARES DE 4º

Xa celebramos as nosas votacións, con urna auténtica, papeletas deseñadas por cada "partido político" e reconto: pasaron algúns nervios porque os gañadores non estiveron decididos case ata o final.
A partir de agora VITE NENOS, formado por Diego, Sara Elisa, Antón e Karla, terán que intentar levar á práctica algunhas das propostas incluídas no seu programa electoral. Non vai ser nada doado porque piden:
- Máis profesorado para atender a nenos e nenas con "necesidades especiais".
- Unha rampa para que todos/as poidan subir á pista de deporte.
- Máis xoguetes para os recreos de Ed. Infantil e tamén dos maiores (parece que só lles queda un balón para xogar ao fútbol e está roto).
- Actividades extraescolares de balde para que poidan participar nenos/as sen recursos.
- Arranxar os baños.

Non credes que o programa está ben completiño?



27 nov 2015

Hoxe tivemos sesión pintura. As caras dos nosos monicreques empezaron a cobrar vida. PINTANDO OS MONICREQUES on PhotoPeach

SE: SOLIDARIOS EFICACES

Este é o cartel electoral que faltaba na nosa particular campaña electoral escolar. Algún contratempo houbo coa "empresa" encargada de confeccionalo.
Todos eles foron deseñados coa aplicación Comic Life para ipad.


25 nov 2015

DEBATE PREELECTORAL 4º VITE

Hoxe fixemos un avance, sen aviso previo,  do debate electoral entre os diferentes "partidos escolares" que participan nesta campaña.
A experiencia foi moi positiva, con moita participación e respectando a quenda de palabra. Incluso veredes unión ou propostas de colaboración entre "contrincantes". Poden tomar exemplo os representantes políticos convencionais.

ELECCIÓNS ESCOLARES EN 4º VITE - CARTELES

Como xa vos informamos na reunión trimestral estamos en pleno desenvolvemento deste proxecto adicado a coñecer o xeito de organización das sociedades, a organización territorial e política. Como somos atrevidas e confiamos no noso alumnado decidimos preparar unha campaña electoral centrada no noso cole. Estes son os carteis que fixemos coa axuda dos ipads.

SEMANA DA CIENCIA 2

Por que o colorante que engadimos ao leite se esparexe cando poñemos xabrón de lavar a louza?
Disto trataba a experiencia de hoxe, que ademais puidemos compartir co alumnado e profes de Ed. Infantil - 4 anos.

O leite consegue que os colorantes non se disolvan nel grazas ás graxas que contén, as cales mantéñenos concentrados.
Ao introducir o bastonciño no leite rompemos a tensión superficial, o que facilita a rápida separación das cores.



25 DE NOVEMBRO: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Neste día quixemos reflexionar sobre as condutas violentas que sofren moitas nenas, nenos e mulleres, sobre todo.
Temos moi claro que debemos colaborar na medida do posible  para que estas persoas non se sintan, ademais de maltratadas, abandonadas.
Debemos denunciar en calquera ámbito no que nos movamos calquera situación que consideremos discriminatoria.
Gustounos moito o lema desta campaña que promove no día de hoxe o concello de Santiago porque é algo que os maltratadores non entenden. Nós si.

24 nov 2015

SEMANA DA CIENCIA

Hoxe a nosa aula vestiuse de festa, e non só polos manteles que estreamos.
Que fixemos? Iniciamos as actividades relativas á Semana da Ciencia. E empezamos forte,  3 experiencias (unha mesma para dous equipos).
Cada grupo de traballo tiña as instrucións precisas para facer todo o proceso: preparación, formulación dunha hipótese, realización, observación e anotación dos resultados. Algúns resultados xa se ven ao momento e outros teñen que ir observándose ao longo dos días.
Nun deles  comprobamos que a auga tén unha propiedade, chamada "tensión superficial", que provoca unha especie de capa elástica na que as moléculas da superficie están fortemente unidas entre sí e tamén coas que están por debaixo, permitindo que un clip metálico poida flotar sen afundirse. No caso do alcohol non ocorre o mesmo porque a súa tensión superficial é moito menor.



22 nov 2015

FACENDO MONICREQUES

Algunhas fotos están repetidas pero esta unha presentación xuntando fotos de distintos días destas dúas primeiras fases de elaboración dos monicreques. Agora empezaremos a pintar e despois a facerlles a roupa. Seguro que entre todos seremos capaces de logralo!

MONSTROS

Estas son as imaxes dos monstros que debuxaron os nenos e nenas de 4º dentro da campaña adicada a traballar o medo.
O proceso foi o seguinte:
1º. Elección a sortes das características que deberían ter os monstros creados por cada equipo de traballo (ollos, patas, escamas, cresta...)
2º. Creación dun bosquexo moi rápido como base para o traballo final.
3º. Debuxar e colorear.

O traballo resultou moi divertido ao mesmo tempo que serviu para desenvolver a creatividade que todos levan dentro.




16 nov 2015

3º E A CLASE ENCANTADA

Os alumnos e alumnas de 3º inventaron un conto titulado "A clase encantada" e contáronnolo aos nenos e nenas de 4º, 5º e 6º. Foi moi divertido e gustounos moito. Os disfraces eran moi chulos. Foi un conto de  medo que non daba medo.

                                                                                                                                    Alumnos/as de 4º


12 nov 2015

OBRADOIRO DE EXPRESIÓN

Como xa sabedes os vosos fillos/as teñen unha sesión semanal adicada a traballar a expresión. Nun sentido amplo da palabra queremos traballar a expresión oral, escrita, corporal, artística...
Onte empezamos a traballar esta "globalización" aplicando as artes plásticas para completar un traballo de expresión oral que veredes proximamente.

Estas son as imaxes do traballo realizado. De momento pódese mostrar; despois haberá que deixar terreo para a sorpresa.

CHISPAS: OBRADOIRO DE ELECTRICIDADE

Quen non sentiu algunha vez unha descarga eléctrica ao saír do coche e pechar a porta? Ou ao tocar a algunha persoa? Non se che puxeron os pelos de punta ao sacar un xersei?
Ás veces podemos escoitar incluso o son do calambrazo.
A electricidade estática é á acumulación de cargas na superficie dun material. Cando hai unha diferencia de cargas, a electricidade salta desde un material illante no que se acumulou a carga estática cara ao material conductor.

Algo disto puidemos comprobar hoxe na biblioteca Ánxel Casal. E claro que saltaron  chispas! E foron pasando dun compañeiro a outro.
Tamén comprobamos que hai persoas que teñen máis facilidade para cargarse que outras e levábanse un susto.
Ademais viñeron uns xornalistas de Santiago TV e gravaron un anaco da actividade; tamén fixeron unha entrevista a Idalina e Yam. (Sairá no Informativo das 21:30 h).

DÍA DO PEÓN 2015

Imaxes da festa de hoxe: os xogadores e xogadoras ocuparon o patio enchendo de alegría e compañeirismo a pista que habitualmente se adica a xogar ao fútbol.
Unha marabilla!

8 nov 2015

AS PLANTAS

Desde o inicio deste tema semellaba que estes rapaces e rapazas de 4º tiñan uns coñeementos previos do tema moi amplos.
Pero despois a cousa foise complicando (incluíndo os constantes atrancos coa cobertura wifi e  coa apple TV) e as presentacións dos distintos aspectos do tema por parte dos equipos correspondentes fixo suar a máis dun. Pero isto vai facendo que aparezan solucións para os problemas o que sempre é positivo.
Esperamos que do esforzo teña dado os seus resultados e agora xa teñamos un pouco máis de información.
Este é un resumo en imaxes das presentacións que fixeron durante a semana.

PINTANDO PEÓNS E MONSTROS NA CLASE DE PLÁSTICA

A solitaria e escasísima sesión semanal de Plástica témola que aproveitar ao máximo con tantas actividades que queremos facer así que este venres misturamos tarefas e estivemos adicados a completar os monstros pero tamén estivemos pintando uns peóns. Este é un resumo gráfico da nosa actividade.

7 nov 2015

PASABA POR AQUÍ...

Isto si que é un recibimento! O venres pasado, Xosé Antonio veunos facer unha visita a clase.Os nenos e nenas de 4º recibírono cunha grande aperta colectiva despois de cantar todos a coro "Pasaba por aquí". El interesouse polas súas cousas e, antes de marchar, deixoulles unhas bolsas de lambetadas.
Desde aquí, desexámoslle unha moi boa xubilación. Que goce dela que a ten ben merecida. Unha aperta de toda a clase de 4º.

MADALENAS DE RISA

Despois do obradoiro de galletas de medo e das trufas terroríficas de Anxo e súa nai, Yam e seu pai ( para sacarnos o medo de enriba) fixeron madalenas de risa con diferentes debuxos que nos encantaron. Moitas grazas!




1 nov 2015

OBRADOIRO DE MONSTROS

O día 26 de outubro, dentro da temática de medo que estamos a traballar no cole, os nenos e nenas de 4º tiveron a sorte de contar coa presenza de Renata Otero, nai de Alén, que veu  ensinarlles algunha técnica para debuxar monstros. Empezaron cunha pinga de tinta vermella nunha cartolina e a partires de aí, seguindo as instrucións de Renata e engadindo detalles propios, cadaquén foille dando forma ata conseguir uns monstros superdivertidos. Moitas grazas, Renata por compartir os teus coñecementos connosco.




28 oct 2015

COCIÑA DE MEDO

Hoxe tivemos a sorte de contar, unha vez máis, coa colaboración familiar. Novamente Mari, a nai de Chano, levou a cabo unha actividade divertida: a elaboración de galletas de medo.
Unha masa con azucre, manteiga, ovos e fariña. Moldeamos con forma de dedo e engadimos un pouco de "sangue" (marmelada de fresa) debaixo da unlla (amendoa). Un anaco ao forno e .... a comer!
Ummmm, que ricas!

E tamén houbo cociña de medo na casa de Anxo e como saben que somos lambóns mandaron a Anxo cargado de "trufas de chocolate" con ollos e boca. Vaia día de festa total!

Grazas familias pola vosa colaboración neste SAMAÍN 2015: cabazas, obxectos para a decoración, lambetadas...

IN A DARK DARK FOREST

Os nenos e nenas de 4º que asisten ás clases de Ed. en Valores fixemos unha presentación terrorífica coa profe Carmela.
Para entrar, un túnel negro. Na biblioteca, todo a escuras; só as luces das cabazas e unha pequena lanterna.
Algúns pasaron moito medo, a outros deulles por rir e berrar. 
Bravo por vós! Seguiremos compartindo que é un dos valores máis importantes que queremos desenvolver.


Samaín

Lembrade que dentro destas actividades NON hai nada nin programado nin referido a vir disfrazados, así que solicitamos que NON o fagades mañán!

Aproveitamos para lembrarvos que os días venres 30 de Outubro e luns 2 de Novembro son NON LECTIVOS.

26 oct 2015

UN DESFILE DE MODELOS MOI ESPECIAL

Este desfile de modelos celebrouse no mes de setembro. Na aula de 4º estaban a traballar a descrición de persoas. Á profe Luisa non se lle ocurríu mellor cousa para desempolvar as mentes adormiladas despois do verán: cada equipo tiña que desfilar diante do resto da clase para que puideran fixarse ben e despois poder describir con detalle todo canto viron.
Houbo moitas  risas e un pouco de vergoña, uns menos que outros, pero seguro que despois foron capaces de facer mellor a actividade escrita.



22 oct 2015

ED. ARTÍSTICA: FACENDO SCKETCHING NO PATIO

O lugar elixido para inaugurar as clases de Ed. Artística deste curso foi o patio de Ed. Infantil. Durante dúas sesións intentamos debuxar árbores cunha  técnica que parece un pouco difícil pero que nos reportou moi bos traballos: debuxar a árbore en posición invertida; empezamos por onde queremos pero o tronco está na parte superior e as follas na inferior.
Que opinades? Chulos non?


DIÁLOGO 6: CAMAREIRO, HAI UNHA MOSCA NA SOPA!

Aidan, Iria, Manuel e Brais Portos crearon un diálogo no que o problema xurde nun restaurante: parece que as condicións hixiénicas dos alimentos non eran as millores.

DIÁLOGO 5: NOVOS NA VILA

Un neno recén chegado ao pobo vai ao parque e non tén con quen xogar: esa é a situación que inventaron e dramatizaron Rodrigo, Idalina, Vanesa e Antón.


DIÁLOGO 4: PERDIDAS NO MONTE

Manuel, Victoria, Brais Espiña e Carla dramatizan unha situación na que dúas amigas pérdense no monte cando practican sendeirismo.

DIÁLOGO 3: UN PARTIDO DE BALONCESTO COMPLICADO

No equipo de Candela, Chano, Álvaro e Yam o problema que representan xurde durante un partido de baloncesto. Moi ben rapaces e rapaza!

DIÁLOGO 2: UNHA FESTA SORPRESA

Luis, Carlos, Alén e Sara Míguez dramatizaron un diálogo no que hai unha festa sorpresa entre amigos. Moi bo traballo!

21 oct 2015

DIÁLOGO 1: UN DESFILE DE MODA NA AULA

Este ano temos unha nova asignatura que se chama Obradoiro de expresión. Estes días o alumnado estivo traballando coa profe Luisa situacións nas que se formulaba un conflito e había que solucionalo a través do diálogo.
A experiencia foi moi satisfactoria aínda que non moi doada.
Iremos publicando o resultado final de cada equipo de traballo.

SCKETCHING VERÁN 2015

Ola familias!
Inauguramos a publicación de actividades de aula neste blogue coas imaxes dos debuxos feitos por alumnado e mestras Luisa e Carmela durante as súas vacacións estivais. Non houbo demasiada participación pero o conta é a calidade e diso non estivo nada mal. Os debuxos e os comentarios leváronnos a Francia, Portosín, Foz, Muros, Portugal...  a través de praias, montes, canais, campings, portos, monumentos...

11 sept 2015

Material principio de curso

Ante as dúbidas que expresáchedes sobre o material de inicio de curso informamos que a vindeira semana todos os niveis terán un listado completo deste. Coma sempre podedes ir traendo o típico estoxo de superheroes ou a mochila do equipo de baloncesto co material clásico: lapis, goma, afiador, ceras... Todo o demais, como carpetas, portafolios, libretas será solicitado a vindeira semana.

Gracias pola vosa paciencia. Vémonos o luns.

8 sept 2015

Reunión Importante

O Claustro do CEIP de Vite solicita a presenza de todas a familias.
LUGAR: Salón de Actos do colexio
DATA: Mércores 9 de setembro
HORA: 18:30
Informarase a toda a Comunidade Educativa do CEIP de Vite da grave problemática de inicio do curso 2015-16.
(Para axilizar a reunión pregamos que só veñan pais, nais e titores legais).

O Claustro.

19 jun 2015

PARABÉNS

PARABÉNS a estes nenos e nenas que cumpriron anos neste trimestre ou que cumprirán no verán: Airas, Antón, Idalina, Vanesa, Sara, Dani, Anxo e Carla.



18 jun 2015

IMPROVISACIÓN 9 - KANDINSKY

A actividade artística de hoxe consistiu en facer un debuxo a partir dunha descrición oral a partir do cadro "Improvisación 9" de Kandisnsky.
O texto oral que escoitaron era moi difícil, cargado de detalles en canto a orientación no espazo, cores, obxectos, etc.
O resultado non hai máis que velo, excelente.
Parabéns para todos polo esforzo realizado!

O RECANTO DAS EMOCIÓNS

 Na aula de 4º tivemos un recanto das emocións no último trimestre; con pinzas de cores (que levaban escritos os nosos nomes) marcabamos cada día como nos atopabamos.
 As emocións forman parte importante da vida psicolóxica do alumnado e ten unha grande influencia na motivación académica e nas estratexias cognitivas e, por tanto, na aprendizaxe e no rendemento escolar.

UNHA CLASE ESPECIAL COÑECENDO A NOSA CIDADE

As gárgolas, os mosteiros, os escudos, a muralla, o por que dos nomes Pelamios, Preguntoiro, Pexigo, Quintana dos  Mortos... Todas estas cousas e moitas máis puidemos aprender hoxe acompañados novamente de Mari Gigirey, a nai de Chano. Son tantos os coñecementos que ela compartiu con todos nós que hoxe podemos dicir que coñecemos mellor a cidade na que vivimos.

 Polo camiño fomos coincidindo co alumnado de 1º, que andaban solucionando algúns retos ben interesantes.

Tamén visitamos o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para ver a invasión de androides de SÁTRAPA.
O artista explicounos que estaban feitos con materiais de refugallo e que todos teñen nomes un chisco raros.

E rematamos no parque de Bonaval para facer unha sesión de pintura ao aire libre. Chano e toda a súa familia practican esta actividade habitualmente e xa se nota porque fixeron uns debuxon moi chulos.
A actividade gustounos moitísimo, porque todos puidemos elixir libremente que facer e como.
Todos os cadernos quedaron ben inaugurados!

E agora fixemos un acordo: todos imos facer o noso propio caderno de debuxo do verán e comentarémolos ao empezar o novo curso... Apuntádesvos?


15 jun 2015

Un agasallo para Óscar (4º)

     No sorteo de agasallos para os colexios participantes na campaña "DALLE FORTE AO ALMORZO!(EMPEZA O DÍA CON ENERXÍA)" tocoulle a Óscar unha cámara de fotografía Nikon que recibirá o luns 22 de xuño ás 10 h no supermercado Gadis onde se realizaron as visitas. Noraboa!!! Que sorte!!!

8 jun 2015

HISTORIA…. DA ARTE, COA NAI DE CHANO


Hoxe Mari, que estudou Historia da Arte, compartiu con nós un pouquiño do seu saber. Dun xeito moi ameno, case como se fose un conto, explicounos a evolución da pintura e a importancia da aparición da fotografía nesa evolución.
Así os pintores poideron deixar de pintar retratos por encargo da clase alta da sociedade e plasmar nos seus lenzos todo aquelo que lles gustaba.
Ao principio tiveron moitas críticas e incluso o seu nome, impresionistas, xurdíu dun comentario negativo sobre uo cadro "Impresión. Sol Naciente" de Monet.

4 jun 2015

CARREIRA DE ORIENTACIÓN - 4º

Estes días na clase de Ed. Física tocou correr por todo o patio. A actividade consistía en facer un percorrido para atopar unhas balizas segundo as indicacións do plano que levaba cada equipo. Non foi un traballo doado pero si moi divertido.



A NAI DE CHANO CONTOU "A COMEDIA DOS OGROS"

Os alumnos/as de 3º e 4º fomos á biblioteca do noso cole a escoitar un conto sobre ogros que nos contou a nai de Chano.
Foi moi divertido porque os ogros eran bos e non comía a xente:
Aprendemos a importancia da amizade, a confianza e de que hai que poñerse no lugar dos demais. "Non fagas aos outros o que non queres para ti".
Nenos e nenas de 3º.


28 may 2015

22 may 2015

MESES DA LECTURA: "TI TAMÉN CONTAS..."

 A familia de Amal participou cun conto en galego e árabe para todo o colexio! E, ao final, repartiron caramelos. Graciñas.
O alumnado de 4º tamén limos un conto para Educación Infantil.


19 may 2015

FRASES DRAMATIZADAS EN E.F.

Hoxe adicamos parte da clase de Ed. Física a improvisar corporalmente: cada equipo tiña que facer unha frase e transmitila aos demais expresando distintas emocións, accións, etc.
Houbo risas, choros, berros... Pásamolo xenial!

7 may 2015

XV CAMPAÑA MUNICIPAL DE ANIMACIÓN Á LECTURA "LER É VOAR"

 Hoxe o alumnado de 4º de Primaria estivemos nun obradoiro de ilustración na Galería Sargadelos con 
ÓSCAR VILLÁN (Premio Nacional de Ilustración co libro "O coelliño branco").

                                                Fixo un debuxo para nós!!!

6 may 2015

METEO-TV3º ÚLTIMO PROGRAMA

Por cuestións técnicas non foi posible publicalo antes pero este programa xa estaba gravado nas mesmas datas que os demais.


3 may 2015

A NOTICIA: TERREMOTO EN NEPAL

Esta enorme catástrofe que acaba de acontecer en Nepal tamén serve de base para unha aprendizaxe significativa: buscar información e compartila para saber as causas dos terremotos e as súas consecuencias e tamén para aprender algo sobre este país.
Non está mal o que conseguiron, tendo en conta que non contamos con moito tempo para facelo.


28 abr 2015

A IMPORTANCIA DA AUGA

José Ángel, o pai de Airas, veunos falar da importancia que ten o bo uso da auga para a conservación do noso planeta. Contounos como se potabiliza a auga e deunos algúns consellos para aforrala na nosa casa. Estivo moi interesante, aínda que nós axudámoslle bastante porque xa sabiamos moitas cousas.

24 abr 2015

XX EDICIÓN DO CERTAME DE TEATRO INTERCENTROS

 O mércores 22 de abril, o alumnado de 4º de Primaria e  de Infantil- 5 anos vimos a representación de dúas obras de teatro: "A lingua pequena" do colexio López Ferreiro e "Unha tarde máxica" do colexio de Aspanaes (que nos deron un agasallo e fixeron que colaboraramos na súa obra!). E tivemos que votar. Fixérono moi ben!!!!





METEO TV3º - PROGRAMA Nº 2

Alén, Idalina, Sara Elisa e Álvaro fixeron a previsión meteorolóxica para hoxe, venres. Acertarán?


23 abr 2015

METEO TV3º - PROGRAMA Nº 1

Os primeiros en gravar o seu programa de información meteorolóxica foron Carla García, Diego e Manuel. Elaboraron un guión moi amplo e á hora de gravalo decidimos facelo un pouco máis curto. Moi bo traballo!

A PREVISIÓN DO TEMPO EN METEO TV 3º

O reto destes días era conseguir elaborar un programa informativo coas previsións meteorolóxicas de Meteogalicia. A fase de elaboración do guión e de gravación (por equipos) está rematada.

Á espera de que remate a montaxe dos vídeos, déixovos este pase de diapositivas.

14 abr 2015

"EMPEZA O DÍA CON ENERXÍA"

Hoxe fixemos o alumnado de 4º, coa titora e Esperanza, unha saída en bus urbano ao Gadis de Fernando III O Santo e participamos no programa de visitas escolares 2015 baixo o lema "Empeza o día con enerxía" para fomentar hábitos de alimentación saudables. A nosa monitora foi Isabel Díez e as súas explicacións foron moi interesantes!


13 abr 2015

TRABALLANDO OS VALORES. TRÁILERS DE CINE EN 3º


Este era o último tráiler que faltaba. Estaban ansiosos por velo, pero ás veces as tecnoloxías lévannos de cabeza! Que o desfrutedes!

CONCURSO NACIONAL DE PINTURA

 Triana participa no "I Concurso Nacional de Pintura da Fundación Atiende" para nenos e nenas con autismo. Todas as obras serán expostas no Espacio Cultural Volturno de Pozuelo de Alarcón (Madrid) o 25 de abril (de 12:30 a 20.00). O xurado estará composto por tres pintores de recoñecido prestixio.Sorte!!!!

                                           Título: "Coñecendo a Pollock"

12 abr 2015

ENTREGA DE AGASALLOS DO TORNEO DE BRILÉ

A X edición do torneo de brilé rematou coa entrega de agasallos a todos os equipos souberon xogar resolvendo pacificamente os conflitos. Tamén recibiron agasallo as catro nenas de 5 que desempeñaron o labor de axudantes de maneira moi eficaz.

11 abr 2015

POESÍA

O alumnado de 4 anos viñeron a nosa aula de 4º de Primaria a recitarnos os poemas do "Libro de contar". Sabían todo o libro de memoria! Que marabilla!


8 abr 2015

ANIVERSARIO

Parabéns aos nenos e nenas que cumpriron anos no 2º trimestre: Álvaro, Diego, Sara Elisa, Brais Portos, Iria e Victoria.


25 mar 2015

DICIONARIO VISUAL DO TEMPO ATMOSFÉRICO - 3º

Déixovos o traballo que acaban de rematar os nenos e nenas de 3º: un dicionario para aprender o vocabulario referente ao tempo atmosférico. Para a montaxe utilizaron a aplicación ADOBE VOICE, para ipad.
Tamén fixemos a edición en soporte papel, para que poidan consultalo na aula cando sexa preciso.
Hoxe tiveron que explicar do dereito e do revés todas estas palabras e fixérono moi, moi ben.

24 mar 2015

AS MEDIDAS

O alumnado de 4º traballamos en Matemáticas as medidas con Darlen, a nosa "profe" de prácticas. E fixemos un concurso con 20 preguntas con Champiñón (Mario Bros) preparado tamén por Darlen. Fantástico!



18 mar 2015

A AUGA E O AIRE - 3º

Rematamos o mural colectivo sobre a auga e o aire que nos serviu como mapa mental do tema de Ciencias Sociais. Cada equipo de traballo tivo que facer a presentación sobre a súa parte. Así conseguimos ter unha idea global do tema.
Bo traballo!


TRABALLANDO OS VALORES - TRAILERS DE CINE EN 3º

A educación en valores é ben importante. Nestes traballos, que estaban feitos de fai tempo, houbo moita reflexión, moito debate previo, moitas ideas e finalmente un consenso dentro de cada equipo para levalos a cabo.
Nos vindeiros días publicaremos un máis, que quedou sen rematar.


11 mar 2015

A EXPOSICIÓN DO PINTOR GALEGO LEOPOLDO NÓVOA

 Onte o alumnado de 4º de Primaria estivemos no Auditorio de Galicia cunha visita guiada pola exposición do pintor Leopoldo Nóvoa e, a continuación, nun obradoiro plástico. Gustounos moito a explicación da nosa guía Virginia e ademais nos tiña preparadas unhas sopas de letras para os que íamos acabando os nosos cadros. Esta exposición estará ata o mes de xuño e poderemos ser nós tamén moi bos guías!!!




9 mar 2015

OBRADOIRO DE DEBUXO CON XOÁN GUERREIRO

IRIA E IDALINA:
O venres, 6 de marzo, estivemos no cole con Xoán Guerreiro para pintar unhas froitas aprendendo novas técnicas como as sombras.
Tivemos que practicar algúns trucos para pintar mellor as froitas usando só lápis e goma. Había que darlle moi frouxo co lápis e despois frotar un pouco co dedo para que dea sensación de volume e de obxecto real.
Gustounos moito porque nunca pensamos que foramos capaces de pintar así. Aprendemos xeitos de facelo mellor.


2 mar 2015

VISITA DA ESCRITORA CRISTINA SÁEZ CAZALLAS

O venres 27 de febreiro coñecimos a escritora do libro que limos no primeiro trimestre (3º e 4º de Primaria): "O sorriso de Rosalía". Foi moi interesante o que nos contou!

26 feb 2015

24 feb 2015

ELÍZARA, UN LUGAR ONDE NON ESTIVEN: VISITAMOS A EXPOSICIÓN DE XOÁN GUERREIRO

Hoxe poidemos asistir á exposición de Guerreiro na Casa da Parra. Foi unha clase moi especial no que o alumnado amosou moito interese, que se reflectiu nun auténtico bombardeo de preguntas ao artista.

Tamén houbo protagonismo dos rapaces e rapazas, convertidos en xornalistas e fotógrafos que plasmaron nunha entrevista que publicaremos proximamente.

21 feb 2015

O MARTES VISITAREMOS A EXPOSICIÓN DE GUERREIRO

Na tarde de onte tivo lugar a inauguración da eposición de Xoán Guerreiro, na Casa da Parra. O martes teremos a sorte de visitala, nunha visita guiada polo propio artista.
Aproveitaremos para facerlle unha entrevista na que poderemos averiguar aspectos que nos interesan sobre a súa vida e obra.