28 may 2014

UNHA NOVA XENERACIÓN DE ARTISTAS

Algúns/ algunhas nenos e nenas de 4º decidiron aplicar os coñecementos aprendidos sobre ecosistemas para elaborar o guión dunha película que estamos a gravar nos recreos. O traballo, desde a idea orixinal ata o guión, atrezzo... Todo é obra exclusiva deles e, sobre todo, delas.
Noraboa!

27 may 2014

AULA DE CICLISMO 4º

Os de cuarto tiveron que poñerse a cuberto da chuvia así que o pavillón converteuse nun circuito estupendo.

AULA DE CICLISMO

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º tivemos no noso colexio a "Aula ciclista" (Programa de formación en ciclismo e alimentación responsable): Primeiro foi unha sesión teórica todos xuntos e, despois, unha sesión práctica coa realización dunha gymkhana no patio cada curso por separado. Aquí estamos o alumnado de 3º cos ciclistas Gustavo e Aída.

ANACOS DUNHA REGUEIFA

O dicionario da Real Academia Galega define a regueifa do seguinte xeito: "Disputa dialéctica improvisada e en verso, especialmente entre os asistentes a unha voda".
No noso caso a disputa entre os noivos e a futura sogra desenvólvese antes de casar. Paula, Sergio e María desempeñan magnificamente os seus papeis aínda que aquí o público non deixara escoitar moito; é por iso que seleccionei algúns fragmentos para que os poidades ver.

23 may 2014

21 may 2014

OS ECOSISTEMAS - PROXECTO DE INVESTIGACIÓN EN 4º

Déixovos esta presentación para que vexades a organización e colaboración do alumnado de 4º, no tempo adicado á elaboración da presentación dixital coas informacións que foron aportando. Ao mesmo tempo están elaborando un mural sobre o coidado do medio natural.

TRABALLANDO OS ECOSISTEMAS on PhotoPeach

A RECICLAXE - CONCIENCIACIÓN

O venres o CEIP de Vite foi o escenario para a posta en escea dunha xornada de RECICLAXE medioambiental, coa presenza dos conselleiros de Educación e Medio Ambiente, o alcalde e a concelleira de Educación, entre outros. Estas son algunhas das imaxes do día.


XORNADA MEDIOAMBIENTAL EN VITE on PhotoPeach

VISITA DE CONCHA BLANCO

Hoxe os nenos e nenas de 3º e 4º tiveron unha visita moi especial: a escritora Concha Blanco. Contoulles cousas moi interesantes sobre a literatura e sobre ela: os motivos que a levaron a facerse escritora, os libros que publicou, a súa paixón pola nosa lingua...
Fixéronlle moitas preguntas e estiveron atentísimos, tanto que ata a propia escritora os felicitou.
Para rematar a autora asinoulles os seus exemplares de Tita, o seu libro nº 28, que todos tiñan lido na clase.
Estaban emocionados coas súas dedicatorias!


AS FOTOS QUE NOS MANDARON DESDE PORTOSÍN


Se premes na imaxe poderás ver e descargar as FOTOS ENVIADAS POLO CEIP DE PORTOSÍN, un recordo do magnífico día que pasamos durante a súa visita a Santiago de Compostela.

20 may 2014

CONVIVENCIA VITE - PORTOSÍN

Por fin chegou o día tan desexado para coñecer aos nosos amigos do CEIP Portosín. E non defraudou nada do que nos deparou a xornada: a magnífica e improvisada coreografía de benvida, os xogos realizados no cole antes e despois das visitas aos tellados da catedral e ao Hostal dos Reis Católicos, o xantar todos xuntos...
Realizamos as dúas visitas en dous grupos mixtos, con alumnado dos dous coles. Un dos grupos tivo a posibilidade de ver o funcionamento do botafumeiro en primeira liña. O paseo polos tellados, magnífico.
E que dicir das instalacións do Hostal dos Reis Católicos... Temos que agradecer enormemente a amabilidade do persoal que, a pesar da abondosa clientela á que tiñan que atender, adicaron unha hora para cada grupo explicando distintos aspectos de interese para todos nós: un pouquiño de historia, detalles das profesións que se exercen nun hotel desta categoría... Visitamos restaurantes, patios, a habitación do cardeal...
Un especial agradecemento para as seguintes persoas: ANTONIO LOIS MOURE (adxunto de dirección, o noso guía), TERESA BLANCO (responsable de pisos), DAVID MOURELOS (camareiro),  JOSÉ GÓMEZ (xefe de cociña) e ANTONIO FRAGA (xefe de administración).

19 may 2014

RECOLLIDA DE PREMIOS NA BIBLIOTECA "ÁNXEL CASAL"

O venres 16 de maio recibiron o 2º e 3º premios do IV Concurso de carteis do día das Letras Galegas o cartel colectivo de Primeiro (que foi recoller a titora) e o debuxo de Laura de Terceiro. Parabéns!!!

18 may 2014

UN RECREO FORA DO COLE

E despois dunha clase de coñecemento tan longa os nosos nenos e nenas gañaron un recreo diferente, compartindo xogos no parque do Auditorio. Botamos moito de menos a Noa, que estaba enferma, pero xa lle tocará outro día.

ESTUDAMOS UN HORTO ECOLÓXICO

Estas son algúns dos coñecementos que intentamos adquirir a través do noso proxecto titulado "O HORTO COMO ECOSISTEMA", a clase resultou moi motivadora e  produtiva para todos e todas.


VISITA A UN HORTO ECOLÓXICO-FOTOS

O pasado luns tivemos unha clase de Coñecemento moi especial. Fixemos unha visita a un horto ecolóxicoque forma parte dun proxecto da USC: recollemos datos e rexistrámolos nos correspondentes cadernos de campo, fixemos fotos e tamén aclaramos moitos detalles descoñecidos polo alumnado.
As fotos feitas entre todos (alumnado e mestras) podedes velas a continuación.

15 may 2014

IV CONCURSO DE CARTEIS DÍA DAS LETRAS GALEGAS DA BIBLIOTECA "ÀNXEL CASAL"

O alumnado de 1º e 3º participaron neste concurso. Recibirá o 2º premio o cartel colectivo que presentou 1º de Primaria e o 3º premio foi para a nosa compañeira Laura de 3º de Primaria! Mañán, venres, ás 18:00 horas agasallarase cun diploma aos participantes que poden recoller coas súas familias no vestíbulo da biblioteca e cun lote de libros e diploma de honor aos gañadores e ver a exposición de todos os debuxos. (Na páxina web da bilioteca "Ánxel Casal" aparecen os gañadores).
O alumnado de 3º facendo o debuxo

14 may 2014

VITE INFORMA 3º: HISTORIAS DA CATEDRAL

Aquí vos deixo unha nova entrega do Informativo do noso colexio, realizado polo alumnado de 3º de Educación Primaria. Trata de temas mo interesantes sobre a catedral de Santiago, os seus tellados, o último campaneiro, o botafumeiro... E incluso unha suposta historia de amores entre un sacerdote e unha monxa.


XADREZ

O alumnado de 3º aprendemos e ensinamos a xogar ao xadrez. "O xogo do xadrez é a ximnasia da nosa mente".

12 may 2014

PRIMAVERA POÉTICA

O alumnado de 3º participamos nun obradoiro poético na Fundación Novacaixagalicia (Actividades organizadas para coñecer mellor a figura de Xosé María Díaz Castro, escritor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas). As explicacións de Vanessa foron moi interesantes e fixemos lectura de poemas, inventamos os nosos poemas, recitámolos cun micrófono...E aproveitamos para ver a exposición do pintor galego Carlos Maside (Vanessa ofreceuse a explicarnos a súa biografía e, despois, fumos vendo todos os cadros coa titora e a profe Manola). Cando saímos vimos a casa onde viviu e morreu este gran pintor (Rúa do Vilar, 42) A exposición podemos volver a vela coas nosas familias!

9 may 2014

OBRADOIRO PLÁSTICO

Hoxe o alumnado de 3º estivemos vendo a exposición " 8º Premio Auditorio de Galicia para novos artistas 2013" que nos ía explicando Elena. Ao final, formamos tres grupos e traballamos sobre tres obras de arte que viramos. Agora podemos volver coas nosas familias e facer nós de guías!!!

6 may 2014

CORRELINGUA 2014

Estas son algunhas fotos da xornada de posta en valor da lingua galega, o CORRELINGUA 2014, coa participación do alumnado de 4º, 5º e 6º.

5 may 2014

NON ABRAS ESTE LIBRO - DINAMIZACIÓN LUISA

A profe Luisa Fixo hoxe unha presentación moi especial deste libro, de título tan curioso, para o alumnado de 2º e 3º ciclo.
Mirade a interpretación que fixo para meter aos rapaces e rapazas na dinámica do mesmo.
Parabéns polo traballo e por facernos rir tanto!

FIN DA SEMANA DA LECTURA CON 3º

A profe Luisa leunos un conto ao alumnado de 3º (hoxe foi o último día da Semana da Lectura). Fixo dúas lecturas do mesmo conto, pero na segunda cun xogo. E aínda queríamos unha terceira!

2 may 2014

CONTOS ÁRABES

SEMANA DA LECTURA

Hoxe estivo co alumnado de e a nai de Tamara, que é a cónsul de Cuba en Galicia. Recitaron dous poemas: "Cultivo una rosa blanca" (a nai de Tamara) e "28 de enero" (Tamara, que o aprendeu de memoria e eran moitos versos!) do poeta cubano José Martí. Despois, Laura (a nai) leu dous contos cubanos: "A caixiña misteriosa" (de Emilia Gallego) e "Un bo amigo" ("Na miña escola hai moitos lugares interesantes, pero un dos que máis nos gustan é a biblioteca..." "Agardannos uns bos amigos:os libros") porque llo pedimos nós!. Ao final, falamos do que nos ensinaban estes contos. Graciñas!!!

1 may 2014

LUCAS QUERE SER PALLASO. O CONTO

Este conto foi realizado a partir da película "LUCAS QUERE SER PALLASO". De momento está na nosa clase pero despois pasará á biblioteca para que o poidan ler os usuarios/as da mesma.