20 dic 2016

"O CARANGUEXO - A ROSA E O CRAVO"

Os nenos e nenas de 4º gozaron mostrando un baile - xogo brasileiro que practican de cando en vez na clase de Educación Física.

20 nov 2016

RUÍDOS, SOMBRAS E MEDOS

Coa chegada da noite, o silencio transfórmase en ruído, aparecen sombras sospeitosas e Sabela, a protagonista do conto escrito por Marta Rivera, empeza a ter medo de todo.
A outra Sabela (a de 3º) xunto con María, contaron este conto na biblioteca para falarlles a os seus compañeiros deses medos que todos temos algunha vez. Resultou todo un éxito e agora xa continuaron a xira por outras aulas.
Parabéns chicas!

26 jun 2016

CATRO VELLOS MARIÑEIROS

Magnífico remate de curso: nenos e nenas, familias e traballadores do cole entoando ao unísono (máis ou menos) a canción "CATRO VELLOS MARIÑEIROS" mentres a profe Sandra toca a melodía coa gaita.

A MÚSICA

Que a música é capaz de unir xa o sabemos. Isto poidemos vivilo o mércores pasado no noso cole con esta sinxela peza preparada pola profe Carmela para que o alumnado  de 1º (A e B) a presentaran no festival de fin de curso - Letras Galegas.
De xeito totalmente espontáneo case todos os presentes bailaron/ xogaron xuntos/as.

EU NON SEI

O alumnado de 4º EP, coa profe Sandra, interpretaron unha parte da popular peza "Eu non sei".

O MAZARICO

O alumnado de 3º EP gozou con este xogo musical no festival de fin de curso.

O CUCO

Esta foi a actuación do alumnado de 4º no Festival das Letras Galegas - Fin de curso. "O cuco", de Manuel María e con música de Suso Vaamonde, foi a peza elixida para cantar e crear unha coreografía coa colaboración de todos. Magnífico traballo rapaces e rapazas!

22 jun 2016

SKETCHING FIN DE CURSO

Hoxe puidemos gozar dunha nova xornada para debuxar na natureza. Nesta ocasión acompañados por algunhas nais (as de Vanesa, Rodrigo, Chano e Alén), nos xardíns do Auditorio de Galicia.



19 jun 2016

OS NOSOS ROBOTS

Sátrapa iniciou con nós o obradoiro para elaborar estas magníficas pezas pero o traballo posterior produciu estes resultados, tan bonitos e tan diferentes. O proceso foi longo e os nenos e nenas demostraron que a súa creatividade non ten límites.
Parabéns para todos!

9 jun 2016

ELAS TAMÉN CONTAN

Carla e Idalina deleitáronnos coa lectura do conto  As viaxes de Gulliver. Tanto os nenos e nenas de 3º como os de 4º estiveron moi atentos e gozaron moito escoitando. Moi ben, nenas. Moitas grazas.


7 jun 2016

EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO A OURENSE

Hoxe podemos dicir que coñecemos un pouco mellor Galicia.
Ourense, cidade das Burgas, resultou ser un lugar fermoso e con moitos recunchos especiais. Grazas a Rosa, a nosa guía, poidemos visitar e aprender un pouquiño sobre a súa catedral (que ten moitas semellanzas coa de Santiago), a orixe das augas termais (nas Burgas comprobamos que saen a diferentes temperaturas, todas moi quentes), a praza dos nenos onde se reunían para xogar e que ten unhas placas na honra de personaxes fantásticos, algúns oficios como o de afiador, a ponte romana e a ponte nova...

Pola tarde tivemos a oportunidade de gozar nas termas públicas de Outariz, cambiando das pozas de auga quente ás de auga fría constantemente.

Unha experiencia magnífica a pesar do calor.

1 jun 2016

OBRADOIRO DE COCIÑA GALEGA

Hoxe rematamos o proxecto anual "Coñecer Galicia". E na nosa terra celebramos case todo cos mellores manxares.
Nós elaboramos 2 empanadas (unha de atún e outra de xoubas) e uns riquísimos amendoados de Allariz.
Tivemos a valiosísima axuda de Mª José Carbonell, a nai de Rodrigo, que puido comprobar en directo  o marabilloso traballo que realizamos cada día nun centro educativo e tamén o esgotador que pode chegar a ser.
Pasamos unha mañá estupenda e os resultados, a pesar dos "problemiñas", foron moi satisfactorios.

O nacemento dos poliños

O día de hoxe foi emocionante para todos, pequenos e adultos. Nunca tanta xente pasara en horario lectivo pola nosa biblioteca!
Como xa sabiades, tiñamos unha incubadora con ovos da famosa "galiña de Mos". Desde onte estabamos esperando o momento que chegou hoxe.
E aquí vos deixo unhas imaxes do nacemento do primeiro poliño "Carlos" ou "Pío", dependendo dos padriños ou madriñas.


31 may 2016

OBRADOIRO DE COCIÑA GALEGA

O curso está a piques de finalizar e con el tamén imos rematando o noso proxecto "Coñecer Galicia".
Mañá levaremos á práctica úas receitas típicas da gastronomía galega: empanada de xoubas e de atún e amendoados de Allariz. Colaborará con nós Mª José Carbonell (nai de Rodrigo), que aportou a proposta para facer os amendoados.
Seguro que o pasaremos moi ben e todo estará riquísimo!



19 may 2016

3º PREMIO LETRAS GALEGAS PARA O NOSO CARTEL

Onte foi a entrega de diplomas e agasallos do VI Concurso de Carteis das Letras Galegas. O que máis nos gustou foi o diploma colectivo, porque esa é a nosa dinámica de traballo habitual e sabemos que o resultado é froito do traballo de cada un de nós.

O noso cartel levou o 3º premio e alí estabades parte de vós para recollelo, ademais de Luisa, Pili e alumnado e familias doutros cursos e/ou coles.


18 may 2016

GUÍA DE GALICIA

A nosa guía de viaxe está rematada. Aparecerán algúns fallos, seguro. Algúns con intención de reflexionar sobre o traballo realizado; outros por despiste.
Esta semana iniciamos a fase de presentación, na que os equipos de "axentes turísticos" intentan ofrecer o seu produto, facer os compañeiros e as súas familias queden desexosos de viaxar.

11 may 2016

CARTEL LETRAS GALEGAS 2016 - MANUEL MARÍA

Aínda que non son moi partidaria dos concursos, nesta ocasión decidimos participar na convocatoria  da biblioteca Ánxel Casal con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2016.
Fixemos o traballo en grupo utilizando todo tipo de materias e isto foi o que saíu.  Por se non queda claro o paxaro é un cuco, que da título a un poema que estamos a traballar e á canción que tamén cantaremos.
Estamos orgullosos/as do noso traballo, que é suficientemente recompensado co gozo da súa elaboración e posterior exposición na referida biblioteca.



27 abr 2016

CONTACONTOS EN IMAXES

Como gozamos compartindo estes momentos cos nosos compañeiros e compañeiras doutros cursos.
Os libros serven para aprender, para reflexionar, para compartir, para... TODO.

DÍA DO LIBRO

Durante a mañá tivemos dúas sesións de contacontos:
- María Gigirey, a nai de Chano, contounos unha fermosa historia "Sofía viaxa á Antártida" que nos introducíu no mundo das misións científicas nesa lonxana parte do mundo.


- O alumnado de 4º Valores representaron, xunto con Carmela, o conto "Erik, o construtor de soños", no que reflexionamos sobre os sonos, bos e malos, que temos.




23 abr 2016

AS BATEAS NAS RÍAS BAIXAS

Ao longo deste curso estamos a adquirir infinidade de coñecementos sobre Galicia, a través dos nosos traballos e os dos outros cursos.
E para aprender o mellor e facer. Así que xa empezamos a construír unha maqueta para aclarar como é unha batea, para que serve, etc. Todo iso ambientado nun "anaco" das Rías Baixas.
Aproveitamos as técnicas plásticas adquiridas ao longo do curso para decidir como facer cada elemento da nosa maqueta. E tantas cousas queremos facer que o espazo vaise quedar algo escaso.
De momento vai bonito, non?

20 abr 2016

ENTREGA DE PREMIOS BRILÉ 2016

Rematou o torneo de brilé 2016 con grande éxito de participación e, o millor de todo, sen incidencias graves. Seguindo as bases do mesmo, todos os equipos participantes gañaron un premio (ademais do diploma de participación).
XI TORNEO ESCOLAR DE BRILÉ (XANEIRO – ABRIL 2016) - RESUMO FINAL
OURENSE    
PORTELA    
LUGO           
CORUÑA     
SANTIAGO  

VIGO             6º

Parabéns para o alumnado participante e para as alumnas - axudantes, que estiveron cada día coidando de que todo saíse ben.

 ENTREGA DE PREMIOS BRILÉ 16 on PhotoPeach

6 abr 2016

PUBLICIDADE ENGANOSA

Levamos un tempo traballando para desenvolver un espíritu crítico en relación  á publicidade.  Trátase de analizar unha serie de anuncios que podemos ver en calquera canle de TV poñendo atención en cada detalle e descubrindo onde está a trampa.

E que mellor maneira de comprobar se aprendemos algo que elaborando o noso anuncio.
Cada equipo traballou a idea, o guión e a propia gravación. Isto é o que saíu, non está nada mal. Bravo polos meus publicistas!

3 abr 2016

PARABÉNS

Toca felicitar aos nenos e nenas que cumpriron anos no 2º trimestre: Iria, Yam, Sara Elisa, Victoria, Brais Portos, Diego e Álvaro.
PARABÉNS PARA TODOS E TODAS!!


2 abr 2016

30 mar 2016

PRODUTOS DA HORTA ECOLÓXICA NA TENDA DOS LARETAS

Novamente a colaboración familiar para o traballo da escola. Nesta ocasión María Gigirey, a nai de Chano, mandounos unha remesa de hortalizas, froitas e verduras "ecolóxicas" para a nosa tenda. As vacacións proporcionaron un tempiño de traballo cos seus fillos que adicaron a confeccionar este marabilloso material. Pero que arte e bo gusto! Moitísimas grazas familia!

Hoxe xa as utilizamos para a compra, nesta ocasión para facer unha comida típica de Galicia.
Temos que  elaborar a receita e facer a compra resolvendo todos os problemas monetarios e de "existencias" da nosa mini tenda.
E... teremos que cociñar algo diso non?


19 mar 2016

OBRADOIRO DE "A FACTORÍA DE ANDROIDES"

A "Factoría de Androides" enviou algúns efectivos á aula de 4º, acompañados por Sátrapa que é o seu representante.
Toda a actividade resultou emocionante; o alumnado tivo a oportunidade de crear o seu propio robot con cartón reciclado a partir dunha plantilla.
Ademais tivemos unha visita sorpresa: a profe Luz acompañada polo seu alumnado de Ed. Infantil - 4 anos. Non hai máis que ver as caras para imaxinar a súa sorpresa.
Como a imaxinación dos nenos e nenas non ten límites e Sátrapa proporcionou oportunidades para iso, o proceso foi precioso e os resultados magníficos.
Aínda sen rematar podemos ver unhas creacións interesantísimas.
Parabéns por este traballo e o noso agradecemento ao artista!

Para coñecer o resto de androides:
En facebook: páxina Gran Sátrapa
Na web: www.satrapa.es


16 mar 2016

OS VIQUINGOS EN CATOIRA II

Unha imaxe vale máis que mil palabras. Pois 100 imaxes...

OS VIQUINGOS EN CATOIRA - I

Esta é a primeira entrega da saída didáctica que fixemos hoxe para coñecer un pouco máis sobre as incursións viquingas en Galicia. A proposta foi de Diego así como todas as facilidades para a organización. Moitas grazas; unha vez máis funcionamos como equipo familias/ profesorado/alumnado e iso é perfecto!
Vós sabiades que os viquingos non levaban cornos? Como se chamaban os barcos que usaban?
Todo iso e moitas cousas máis puidemos aprende hoxe.
Unha gran aventura, como podedes comprobar na presentación.


15 mar 2016

A TENDA DOS LARETAS

Hoxe abrimos a nosa tenda! A clientela tiña que mercar todo o necesario para elaborar o menú equilibrado dun día completo.
Non todas as carteiras tiñan os mesmos cartos porque antes tiveron que gañalos. As cestas ían enchéndose e as caixeiras/os non daban feito para sumar tantos números decimais. Ás veces os cartos non eran suficientes e había que decidir que produto/s non estaba/n ao alcance das súas posibilidades.

Resultou unha actividade moi fructífera; a pesar das dicficultades os rapaces e rapazas souberon resolver moi ben os problemas que xurdían, involucrándose dunha maneira totalmente real.

4 mar 2016

COÑECENDO O TRAXE TRADICIONAL GALEGO

Hoxe tivemos unha mañá ben movida aprendendo algunhas cousiñas sobre o traxe tradicional galego, a cantidade enorme de prendas que levaban fixera frío ou calor, como eran os tecidos e relacionar isto co tipo de actividades que facían.
Algunhas prendas femininas puideron probalas entre risas e incluso cantamos "Ven bailar Carmiña, Carmiña, Carmela, co zapato baixo e a media de seda..." A ver se outro día podemos ter prendas masculinas.

Despois xa puideron dedicarse con interese á realización de cartaces para cada unha das prendas elixidas para o mural colectivo do corredor de entrada. E mirade que resultados tan bonitos!


3 mar 2016

REMATAMOS AS PRESENTACIÓNS DA GUÍA - FASE I

Esta semana tocoulles a quenda a estes grupos. Hai algúns que xa teñen "táboas" e medran con cada exposición en público; outros pasan máis nervios e... xa sabemos o que iso provoca.
Pois a seguir practicando!

2 mar 2016

OS NOSOS JUDOKAS

Segundo o dicionario da Real Academia Galega o judo é un antigo sistema de loita xaponesa sen armas, hoxe practicada como deporte, baseado no emprego de chaves para inmobilizar o contrario ou para desequilibralo e facelo caer.

Pois parece que ese deporte se lles da moi ben aos nosos nenos e nenas (co Judo Club Base), que están a acadar grandes éxitos nos distintos torneos nos que participan. Seguro que tamén teñen moi bos entrenadores!


Estas son as ligazóns nas que podedes ver as novas de prensa relacionadas co tema. Grazas á nai de Anxo por pasarnos esta información.

Parabéns para todos os nenos e nenas por practicar este deporte e tamén polos éxitos!

E unha ligazón ao facebook do club para que poidades ver as fotos e todas as informacións día a día.

26 feb 2016

O CÍRCULO CROMÁTICO

Nas clases de Ed. Plástica estamos a traballar a cor. Nesta actividade teñen que partir das 3 cores primarias e elaborar as secundarias e, posteriormente, as terciarias. Están traballando con pinturas acrílicas e colaborando uns cos outros para lograr bos resultados.

GUÍA DE GALICIA - PRIMEIRAS PRESENTACIÓNS

Estes días Galicia, o seu relevo, o clima, a gastronomía... Andamos con ese rebumbio na clase de 4º, elaborando a primeira parte da nosa Guía de Galicia. E non está sendo moi doada.
Esta semana empezamos coas presentacións, que aínda provocan nervios e inseguridades.
Non pasa nada rapaces e rapazas, tranquilidade e procurade entender máis que memorizar.

XI TORNEO ESCOLAR DE BRILÉ

Esta semana empezaron a disputarse con gran emoción os partidos do XI TORNEO ESCOLAR DE BRILÉ do noso centro. Os equipos están formados por nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º. Na foto aparecen algúns dos compoñentes dos dous equipos que se enfrontaban hoxe.
O torneo está pensado para aprender a compartir xogos e .espazos dun xeito pacífico, solucionado os conflitos a través do diálogo.
É por iso que todos os equipos que o consigan terán dereito a un agasallo e a un diploma de participación.

17 feb 2016

ALDEAS INFANTILES

O martes 16 de febreiro, veu Diego, o pai de Vanesa, á nosa clase para contarnos que era Aldeas Infantiles e cal era o seu traballo alí. Explicounos que hai varias Aldeas repartidas polo mundo onde acollen e atenden a máis de 20.000 nenos e nenas. Díxonos que viven alí porque non teñen pais ou porque non saben coidar dos seus fillos e fillas; algúns  só están alí polo día pero outros viven sempre alí. Diego contounos que os que viven alí fan a mesma vida que calquera outro neno, pero en vez de ser atendidos polos seus pais, son os traballadores como Diego os que se ocupan de coidalos  e de darlles cariño. Vanesa  explicounos que ás veces seu pai non durmía na casa porque tiña que quedar a durmir alí. (Nenos e nenas de 4º).
" El mostrounos unhas imaxes para ir explicando que aí coida  nenos e que na súa casa tamén coida aos seus  fillos. Fan o mesmo que todos só que os nenos están alí porque as súas mamás e papás non sabían coidalos. Un bico. Moitas grazas." (Vanesa 4º)


                                       

RESPOSTA Á NOSA CARTA POR PARTE DA ANPA

Hai uns días recibimos unha carta da presidenta da ANPA respondendo á solicitude que presentamos os nenos e nenas de 4º para que houbese actividades extraescolares máis baratas para que todos os nenos e nenas puidesemos participar nelas. Nesa carta dicíanos que lles parecera unha unha proposta moi boa.
O venres pasado, María Cernadas ( nai do noso compañeiro Manuel e presidenta da ANPA) veu á nosa clase para explicarnos que levaran a nosa proposta ao Concello e que estaban preparando unhas becas para as familias que non poden pagar actividades extraescolares para os esus fillos e fillas.
Grazas á ANPA por atender a nosa solicitude e, sobre todo, a María por vir informarnos.

(Alumnos/as de 4º)


                                         

6 feb 2016

"Entroidando"na aula

Chegou o Entroido e, como non, hai que disfrazarse e pasalo ben. Na nosa clase algúns non querían ir disfrazados pero, ao final, animáronse e pasámolo todos e todas moi ben. E antes do desfile no pavillón estivemos quentando motores.


31 ene 2016

MARTA, A CHOQUEIRA DE 4º

Coa silueta inicial de Aidan e as roupas e complementos aportados por todas e todos creamos a Marta. Intentamos experimentar como debe ser un disfrace de choqueiro e estamos moi orgullosos do resultado.


CARETAS CON PINTURAS ACUARELABLES

Para experimentar coas cores, misturando e combinando, eliximos estas caretas. Permítennos gozar da sensación de pintar con moita facilidade, estender cos pinceis, lograr un equilibrio na cor, etc.
E despois... a poñelas polo   Entroido!


RELAXACIÓN EN EDUCACIÓN FÍSICA

Estas son unhas imaxes duns momentos de relaxación: tratábase de ir pasando unha pelota, premendo forte, por todo o corpo do compañeiro/a. As sensacións foron moi boas así que haberá que repetir.

CONSEGUIMOS UN BALÓN PARA O RECREO!

Ao remate da magnífica campaña electoral que fixemos en 4º no 1º trimestre deste curso había que poñerse a traballar para acadar algunha das propostas que levabamos nos nosos programas electorais.
Antes de marchar para as vacacións de Nadal redactamos 4 escritos para as correspondentes autoridades ou entidades educativas (Conselleiro, Concelleiro, Director e Presidenta da ANPA).
A ANPA foi a primeira en contestar, xa están mirando as posibilidades de ofertar actividades máis baratas para as familias con dificultades.
Esta semana recibimos un escrito do Director do cole que viña acompañado dun balón, tal e como lle pedíamos. Iso si coa condición de coidalo e xogar con deportividade e respecto aos compañeiros/as.

29 ene 2016

DÍA ESCOLAR DA PAZ E A NON VIOLENCIA

Hoxe contamos un conto na biblioteca para reflexionar sobre os comportamentos das persoas e as súas consecuencias: " DOUS IDIOTAS SENTADOS CADA UN NO SEU BARRIL". Se queres ver o vídeo, preme na imaxe.


20 ene 2016

OS DE CUARTO TAMÉN BAILAN

E que ben o fan. Non aspiramos á perfección, non se trata de repetir 100 veces o mesmo. Trátase de gozar coa música e de mover o noso corpo seguido diferentes ritmos.


RITMO EN EDUCACIÓN FÍSICA

Este é un resumo do que fixemos estes días na clase de Educación Física. Xa vedes que moi tristes non estivemos.