30 may 2013

ALDEAS INFANTIS SOS

     Hoxe tivemos na nosa aula a visita do pai de Juan para falarnos e ensinarnos algunhas fotos sobre Aldeas Infantis SOS de Redondela, onde traballa.
     Estamos a preparar un traballo para o Parlamento e el (Diego) xa nos trouxo información para poder realizalo mellor.


ANTÓN CORTIZAS ASINOU UN EXEMPLAR DO TASTARABÁS


Antón Cortizas fixo onte a presentación do seu libro TASTARABÁS, A ENCICLOPEDIA DE BRINQUEDOS TRADICIONAIS. Aproveitei para que asinara no exemplar que mercamos para a nosa biblioteca. El, co que levo compartido moitas charlas ao redor do feito lúdico e no que teño buscado asesoramento para pintar algúns dos xogos do noso patio, fíxonos esta fermosa dedicatoria.
O libro está á vosa dispor na biblioteca do centro e tamén o recomendo como un magnífico agasallo, merece a pena que poidades pasar as súas follas e lembrar a través das súas 2.600 fotografías algúns dos enredos que construístes e/ou practicastes. Seguro que aínda sodes capaces de aprenderlle aos vosos fillos e fillas a manexar as súas mans para facer algún deles e xogar xuntos.

Onde está o perigo?

Nas rúas, obviamente, en descoñecer as normas viarias e as sinais de circulación.

Hoxe fumos á Alameda a asistir ao programa de Compromiso coa seguridade viaria de RACE.
Estivo moi ben, xa que aprendimos que se sinte cando estamos baixo os efectos do alcol (gracias a unhas gafas especiais) e tamén a importancia de levar casco nos vehículos de 2 rodas! Vimos como é un casco por dentro, pero quedamos coa gana de xogar nos simuladores de coches... mágoa!





29 may 2013

ROBERTO: CAMPIÓN GALEGO BENXAMÍN DE WATERPOLO CO SEU EQUIPO



Eu xogo a waterpolo no CW Santiago. E  o meu deporte favorito. Pásoo moi ben e teño uns compañeiros e un entrenador moi bo, que moitas veces adestra con nós na auga.
Este ano ganamos a liga de waterpolo benxamín.  Aquí   vai a noticia:

O EQUIPO BENXAMÍN DO CW SANTIAGO CAMPIÓN DA 1ª LIGA GALEGA DE WP
Este pasado sábado día 18 o CW Santiago disputou a última xornada de liga en categorías benxamín, infantil e cadete con boas noticias para o noso clube, xa que o equipo benxamín do CW Santiago proclamouse campión da primeira liga galega de waterpolo benxamín, grazas a súa vitoria ante ACW por un contundente tres a cero no total de partes e un resultado total de nove a dous. Xa no primeiro cuarto o equipo santiagués defendeu moi ben e conseguiu un parcial de tres a cero, que sumando os dous seguintes cuartos coa portería a cero distanciouse ata un parcial de sete a cero quedando o último cuarto para que os dous equipos sumaran dous goles que deron o resultado final. FELICITAR aos máis pequenos do clube que co seu logro dan outro título ao clube e o primeiro desta categoría estrenada este ano.

LIGA GALEGA BENXAMIN

CW SANTIAGO – ACW 3 – 0 (3-0; 2-0; 2-0; 2-2)

Roberto Carro (1), Luis Guilbert (2), Santiago Esturao (1), Fernando Ferrer, Daniel Ferreira (4), Sabela Ferreira, Nerea Carrillo
FELICIDADES CAMPIÓNS!!!

OS MILLORES XOGADORES DO MUNDO E OS MÁIS GUAPOS!

Óscar, Mario e Andrés, como futbolistas do clube Vista Alegre, fomos o venres pasado a un torneo en Abegondo. Un partido gañámolo 4-0 e os outros dous perdímolos. Aínda que nos eliminaron fomos comer todos xuntos. Pasámolo xenial!.
Mirade que guapos estamos coas nosas camisolas!


27 may 2013

O INFORMATIVO DE V TELEVISIÓN

Premendo na imaxe poderedes acceder á ligazón do informativo das 21:00h do pasado sábado (25-05-13). O espazo adicado ao uso das novas tecnoloxías no CEIP de Vite é o comprendido entre o minuto 19:30 e o 23:40.

24 may 2013

UN NOVO PROGRAMA DE TELEVISIÓN NA TVG3

O obxectivo deste traballo era facer un programa de entrevistas no que se reflectiran distintos traballos, materiais, ferramentas, etc.
Este grupo deféndese moi ben: fixeron un pequeno guión (ás veces axústanse a el e outras improvisan estupendamente), souberon manexar a cámara sen ningún problema, facer un reparto axeitado de convidados ao programa...
As futuras estrelas dos medios de comunicación: SERGIO LISTE (cámara), ANDRÉS FELIPE e NOA (presentadores). Os entrevistados/as: SERGIO SEIJAS, SANDRA, TEO, MARIO, LUCÍA, HUGO.


A FABRICACIÓN INDUSTRIAL DE COCHES: ANDRÉS, ROBERTO, FERNANDO

O primeiro dos proxectos, aplicando ou ampliando contidos do Tema 10 de Coñecemento do Medio (Facemos Traballos) é este elaborado por ROBERTO, FERNANDO E ANDRÉS. Utilizaron o ipad con unha aplicación nova, EDUCREATIONS, que deu bastante traballo (porque non permite borrar a gravación por partes, sen voltar a facer todo) pero tamén ofrece posibilidades moi interesantes.


HOXE VISITOUNOS V-TELEVISIÓN!

Semella que a utilización das novas tecnoloxías como recurso educativo no noso centro está resultando de interese, e non só para o noso alumnado. Despois de saír unha reportaxe no xornal La Voz de Galicia, esta semana tamén gravamos unha entrevista para RNE en Galicia (pendente de emisión) e unha reportaxe, realizada no día de hoxe, por xornalistas de V Televisión.
Visitaron unha aula de Ed. Infantil e dúas de Ed. Primaria (6º e  3º).
Iremos publicando aquí, como vén sendo habitual, as actividades que estabamos a facer segundo se vaian rematando. O programa emitirase o sábado ou domingo vindeiros ás 21.00 horas.

23 may 2013

XOGOS DE ANIMAIS EN 4º

Xa falta pouco para rematar a posta en práctica dos xogos de animais nas clases de Ed. Física. Como exemplo déixovos unhas fotos do xogo presentado por ZAIRA BOTANA E YASMINA REY, que tivo un tremendo éxito entre todos os seus compañeiros e compañeiras. Tiveron moita complexidade na elaboración dos materiais así como na explicación.
Parabéns polo esforzo na súa preparación e tamén na posta en práctica!

UNHA BANDADA DE CONTOS

UNHA BANDADA DE CONTOS: ese é o título que leva a XIII Campaña Municipal de Animación á Lectura.
O noso alumnado tivo a sorte de participar nun obradoiro de ilustración chamado "Á vista de Paxaro", a cargo do ilustrador Pablo Otero.
Inma fixo as fotos para a lembranza... Quen sabe, sempre dicimos que podemos ter aquí a algún futuro ilustrador ou ilustradora!

CONTO ÁRABE COA NAI DE AMAL

Outro día especial! Xa son moitos! Hoxe Amal, de 2º de EP  coa súa nai contáronnos un conto árabe sobre unha araña que tiña moitos problemas, ao final resólveos indo ao médico, que acaba por poñerlle unhas magníficas gafas douradas.
Tamén nos contaron algúns chistes, que Amal ía traducindo.
Poidemos ver que os libros empezan polo que, na nosa cultura, sería o final. Tamén se le ao revés ( de dereita a esquerda).
Foi moi agradable escoitar á mamá de Amal ler outro texto sobre as abellas en árabe, sen traducción, só polo pracer de escoitar un idioma diferente. Por iso vos deixo o vídeo.





E aquí algunhas fotos, preme para velas:

22 may 2013

OS XOGOS DE ANIMAIS EN 3º: A XOANIÑA

Hoxe Paula enseñounos a xogar á XOANIÑA (xogo tradicional obtido do libro CHIRLOSMIRLOS,  de Antón Cortizas)
O lobo, que está fóra, pregúntalle á xoaniña "Xoaniña, que estás facendo?"
Ela, contesta facendo acenos, por exemplo "estou planchando"
Lobo:"xoaniña, vas ao mercado?
Xoaniña: si (sae correndo e o lobo vai detrás para comela)


DIPLOMAS DO CONCURSO DE CARTEIS DAS LETRAS GALEGAS 2013

Noso compañeiro Sergio Liste gañou o 2º premio e o resto da clase recibimos este diploma. Ollade as nosas caras, menuda sorpresa!!!



21 may 2013

SEGUNDO PREMIO CARTEIS LETRAS GALEGAS: SERGIO LISTE

A biblioteca Ánxel Casal convocou un concurso de carteis con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.
Eu, Sergio Liste, de 3º de Ed. Primaria do CEIP  de Vite, gañei o 2º premio.
Cando fun a blibioteca Ánxel Casal vin un mural con os carteis gañadores; unha señora ía dicindo os nomes dos gañadores. Cando me deron o premio púxenme moi contento: tres libros e un set de maxia. Aquí os vedes nas fotos.




20 may 2013

ESQUEMAS DE COÑECEMENTO CON MINDJET - PRESENTACIÓNS

Hoxe, tres novos equipos de traballo, fixeron a presentación dos seus esquemas. Nesta ocasión, todos foron feitos co ordenador mac e a aplicación utilizada foi MINDJET.
Os tres esquemas eran bastante completos, con moita información e moi ben estruturada; agora hai que aprender, en liñas xerais a transmitila. Todo irá vindo coa práctica.
Está resultando un traballo moi interesante para saber:
- ler can calma e as veces que faga falta un texto
- distinguir as ideas principais das secundarias
- establecer relacións entre os distintos contidos
- ter unha idea xeral de todo un tema
- ...



STOPMOTION CON 3º EN ALTERNATIVA

Está claro que non iremos ao festival de Cans con esta curta de animación, pero o tema deste ano prestábase e había que experimentar. Non saíu moi ben pero gañas non faltaron.
Explícovos un pouco; a técnica do stopmotion é algo que parecía sinxelo: facer moitas fotografías, con leves diferencias entre si, para que, ao reproducilas rapidamente, dean a sensación de movemento.
Fixemos un primeiro intento co ipad e, ao non ter trípode, movíanse moito as imaxes: descartado porque ademais duraba moi pouco.
Nesta segunda e última ocasión puxemos trípode e cámara de fotos, cadaquén xa sabía mellor como facer o movemento da súa figura de xeito máis suave, apartarse rapidamente para non saír na seguinte imaxe... Así ata construír a nosa historia cun total de 200 fotos.
Despois, usamos outro programa (imovie) para dar o movemento a esas imaxes. E aquí tendes o resultado, non moi bo pero nós tamén o mostramos porque é un traballo que fixemos e dos erros aprenderemos para seguir mellorando.




Contos de Xitanos

O pasado mércores 15 tivemos a oportunidade de compartir con Sebastián e Manuel parte da cultura xitana con contos e música moi fermosa.

Foi no pazo de Don Pedro, no Museo das Peregrinacións, un edificio que coñecían moi poucos compañeiros de Cuarto. 
Os contos sobre a creación dos Seres Humanos, no forno daquela muller de longa melena negra e grandes gafas laranxas; e o conto sobre o vendedor de cabalos de Santiago de Compostela que se atopou cun xigante e cun vampiro foron moi curiosos e moi divertidos, tanto polo contido como polo xeito de contalos que tiñan os nosos dous contacontos. 
Tamén nos contaron cousas sobre o idioma propio dos xitanos do mundo, o romanó, e da variedade que se fala en España: o caló.

Logo, e vendo que facía bo día, decidimos aproveitar a saída para ver algo que moitos da clase nunca viran: a zona vella de Santiago de Compostela. Paseamos por varias rúas e prazas, e mesmo entramos na Catedral (lugar que alomenos catro nunca visitaran!). 


 É unha mágoa que, vivindo nun sitio tan fermoso, misterioso e abraiante como Compostela haxa xente que non adique tempo a pasear polas súas rúas e visitar os monumentos, contados entre os máis destacados do mundo. Lembremos que a nosa zona vella é Patrimonio da Humanidade.

15 may 2013

AGASALLOS

  A escritora Cristina Corral, a ilustradora Aurora Cascudo, o fotógrafo Miguel Noval e o músico Javier Prado (libros: "Os Poemas do Río" e "A historia fascinante da vaca rodante")  nos mandaron estes agasallos para a biblio do noso cole. Graciñas.

O CONTO VIAXEIRO

 O concello de Santiago  a través das concellerías de Normalización Lingüística e de Educación desenvolven este Programa durante o mes de maio para mellorar a creatividade literaria e promover o uso da lingua galega. Participan varios centros educativos; no noso cole estivemos traballando a reo a semana pasada ( un día os de 3º e outro día os de 4º). Para seguir o vídeoconto e ver as imaxes poñerei unha ligazón fixa no lateral deste blog.



TÉCNICAS DE ESTUDO E NOVAS TECNOLOXÍAS

Estamos inciando ao noso alumnado na realización de técnicas para conseguir unha visualiación global dos temas de Coñecemento do Medio. O proceso é o seguinte:
1. Lectura xeral
2. Lectura por partes, suliñando en distintas cores (asignando categorías)
3. Realización do ESQUEMA ou MAPA CONCEPTUAL:
      - en parellas/tríos
      - utilizando unha aplicación dixital (MINDOMO/ MINDJET), tanto para ipad como para ordenador
      - facer a explicación de todo o tema para o resto do grupo, utilizando o esquema feito como soporte
      - utilizar o esquema elaborado (en copia - papel) para estudar na casa, expoñendo o seu contido en        voz alta, escribíndoo, ampliándoo, etc.

Aquí podedes ver as tres primeiras presentacións, algúns explícanse xa con moita soltura.



OS XOGOS DE ANIMAIS NA CLASE DE ED. FÍSICA

Neste trimestre estamos a poñer en práctica os xogos presentados polo alumnado como traballo da segunda avaliación; os resultados, en liñas xerais, están sendo altamente satisfactorios. Fixemos un calendario e o alumnado prepara/entrena o seu xogo con anterioridade, despois en cada sesión/clase poñemos en práctica un deles e adxudicamos unha valoración en función da exposición e organización do xogo.

"TODOS SOMOS IGUAIS E CADA UN É DIFERENTE"

Esa é a frase máis importante que aprendemos onte na visita que fixemos ao Museo das Peregrinacións: a través dun conto sobre a orixe da vida chegamos á conclusión que xa sabemos e que non sempre temos en conta. Todas as persoas teñen unha orixe igual aínda que cada unha delas teña as súas peculiaridades, os seus gustos, intereses, nacionalidades, etc.

Tamén escoitamos outro conto xitano un pouco terrorífico pero con final feliz, no que todo se arranxa falando. Encantounos!

E, para rematar, aprendemos algunhas palabras en ROMANÓ (a lingua común que falan moitos xitanos do mundo): jalar (comer), chavó (chaval)

 Tamén poidemos contemplar as fotos coloristas e luminosas, que ilustran a peregrinación xitana a Saintes Maries sur le Mer en Francia.

14 may 2013

GAITAS DE AVEA

Hoxe tivemos un pequeno "aperitivo" do que é facer un enredo nun momentiño coas nosas propias mans, ademais de poder coñecer un cereal do que se fala no libro de Coñecemento do Medio: a avea.
Onte, dando un paseo, ocorréuseme traer unha mostra  para poder facer unhas gaitas e armar esta orquestra na clase; como os músicos son impacientes  as gaitas rompían unha tras outra e a orquestra non conseguiu tocar toda xunta. Non sei se podemos dicir que facían música pero ruído si que armaron bastante.
Agora, a practicar buscando no voso tempo libre e tamén acudindo á Ourense que vos digo eu que vai merecer a pena o que alí haberá que ver, que construír e sobre todo que xogar! Animádevos toda a familia, e non deixedes aos avós na casa!

vídeo gaitas de avea-03

vídeo gaitas de avea-02

vídeo gaitas de avea-01

8 may 2013

A PRIMAVERA

Amal (alumna de 2º) recitounos unha poesía de Rosalía de Castro, que o noso Adri sabía de memoria!:
Chegou cantando baixiño
cruza prados, cruza ríos...

MIGUEL NOVAL BOUZA E A HISTORIA FASCINANTE DA VACA RODANTE

Hoxe tivemos a visita do fotógrafo/ilustrador do conto "A historia fascinante da vaca rodante". Foi moi interesante!!!!


MANDALA DE YESICA

Este mandala fíxeno eu (YESICA). Fáise con compás e despois píntase de cores a puntiños.
Gústavos?

3 may 2013

Máis teatro!

Seguindo o ronsel de grandes éxitos que Cuarto ten tras del coa representación sensacional e incrible da obra Os Poemas do Río (que xa arrasou no festival de Nadal, no encontro intercentros de teatro, en Broadway e no West End londinense) presentamos a actuación que este curso tivo no centro de día para maiores da Volta do Castro, na nosa cidade. Nesta ocasión tivemos unhas convidadas de excepción: unhas cantas amigas da asociación AGAEA!

Eiquí tedes unha escolma deste día e da actuación:

Preparándonos para saír

Agardando polo bus 

Cantando coas compañeiras de  AGADEA a espera foi máis curta

En ruta! 


Comezamos! Sen nervos: somo profesionais!

 A cada momento temos que parar polos aplausos!

Finalizamos e saudamos. Logo falamos co noso público, para logo cantar unhas copliñas coa xente de AGADEA.

E, por fin, o merecido premio: fiame, pizza, croquetas! Ñam, ñam!!!