Novamente a colaboración familiar para o traballo da escola. Nesta ocasión María Gigirey, a nai de Chano, mandounos unha remesa de hortalizas, froitas e verduras "ecolóxicas" para a nosa tenda. As vacacións proporcionaron un tempiño de traballo cos seus fillos que adicaron a confeccionar este marabilloso material. Pero que arte e bo gusto! Moitísimas grazas familia!
Hoxe xa as utilizamos para a compra, nesta ocasión para facer unha comida típica de Galicia.
Temos que elaborar a receita e facer a compra resolvendo todos os problemas monetarios e de "existencias" da nosa mini tenda.
E... teremos que cociñar algo diso non?
A "Factoría de Androides" enviou algúns efectivos á aula de 4º, acompañados por Sátrapa que é o seu representante.
Toda a actividade resultou emocionante; o alumnado tivo a oportunidade de crear o seu propio robot con cartón reciclado a partir dunha plantilla.
Ademais tivemos unha visita sorpresa: a profe Luz acompañada polo seu alumnado de Ed. Infantil - 4 anos. Non hai máis que ver as caras para imaxinar a súa sorpresa.
Como a imaxinación dos nenos e nenas non ten límites e Sátrapa proporcionou oportunidades para iso, o proceso foi precioso e os resultados magníficos.
Aínda sen rematar podemos ver unhas creacións interesantísimas.
Parabéns por este traballo e o noso agradecemento ao artista!
Esta é a primeira entrega da saída didáctica que fixemos hoxe para coñecer un pouco máis sobre as incursións viquingas en Galicia. A proposta foi de Diego así como todas as facilidades para a organización. Moitas grazas; unha vez máis funcionamos como equipo familias/ profesorado/alumnado e iso é perfecto!
Vós sabiades que os viquingos non levaban cornos? Como se chamaban os barcos que usaban?
Todo iso e moitas cousas máis puidemos aprende hoxe.
Unha gran aventura, como podedes comprobar na presentación.
Hoxe abrimos a nosa tenda! A clientela tiña que mercar todo o necesario para elaborar o menú equilibrado dun día completo.
Non todas as carteiras tiñan os mesmos cartos porque antes tiveron que gañalos. As cestas ían enchéndose e as caixeiras/os non daban feito para sumar tantos números decimais. Ás veces os cartos non eran suficientes e había que decidir que produto/s non estaba/n ao alcance das súas posibilidades.
Resultou unha actividade moi fructífera; a pesar das dicficultades os rapaces e rapazas souberon resolver moi ben os problemas que xurdían, involucrándose dunha maneira totalmente real.
Hoxe tivemos unha mañá ben movida aprendendo algunhas cousiñas sobre o traxe tradicional galego, a cantidade enorme de prendas que levaban fixera frío ou calor, como eran os tecidos e relacionar isto co tipo de actividades que facían.
Algunhas prendas femininas puideron probalas entre risas e incluso cantamos "Ven bailar Carmiña, Carmiña, Carmela, co zapato baixo e a media de seda..." A ver se outro día podemos ter prendas masculinas.
Despois xa puideron dedicarse con interese á realización de cartaces para cada unha das prendas elixidas para o mural colectivo do corredor de entrada. E mirade que resultados tan bonitos!
Esta semana tocoulles a quenda a estes grupos. Hai algúns que xa teñen "táboas" e medran con cada exposición en público; outros pasan máis nervios e... xa sabemos o que iso provoca.