2 mar 2016

OS NOSOS JUDOKAS

Segundo o dicionario da Real Academia Galega o judo é un antigo sistema de loita xaponesa sen armas, hoxe practicada como deporte, baseado no emprego de chaves para inmobilizar o contrario ou para desequilibralo e facelo caer.

Pois parece que ese deporte se lles da moi ben aos nosos nenos e nenas (co Judo Club Base), que están a acadar grandes éxitos nos distintos torneos nos que participan. Seguro que tamén teñen moi bos entrenadores!


Estas son as ligazóns nas que podedes ver as novas de prensa relacionadas co tema. Grazas á nai de Anxo por pasarnos esta información.

Parabéns para todos os nenos e nenas por practicar este deporte e tamén polos éxitos!

E unha ligazón ao facebook do club para que poidades ver as fotos e todas as informacións día a día.

26 feb 2016

O CÍRCULO CROMÁTICO

Nas clases de Ed. Plástica estamos a traballar a cor. Nesta actividade teñen que partir das 3 cores primarias e elaborar as secundarias e, posteriormente, as terciarias. Están traballando con pinturas acrílicas e colaborando uns cos outros para lograr bos resultados.

GUÍA DE GALICIA - PRIMEIRAS PRESENTACIÓNS

Estes días Galicia, o seu relevo, o clima, a gastronomía... Andamos con ese rebumbio na clase de 4º, elaborando a primeira parte da nosa Guía de Galicia. E non está sendo moi doada.
Esta semana empezamos coas presentacións, que aínda provocan nervios e inseguridades.
Non pasa nada rapaces e rapazas, tranquilidade e procurade entender máis que memorizar.

XI TORNEO ESCOLAR DE BRILÉ

Esta semana empezaron a disputarse con gran emoción os partidos do XI TORNEO ESCOLAR DE BRILÉ do noso centro. Os equipos están formados por nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º. Na foto aparecen algúns dos compoñentes dos dous equipos que se enfrontaban hoxe.
O torneo está pensado para aprender a compartir xogos e .espazos dun xeito pacífico, solucionado os conflitos a través do diálogo.
É por iso que todos os equipos que o consigan terán dereito a un agasallo e a un diploma de participación.

17 feb 2016

ALDEAS INFANTILES

O martes 16 de febreiro, veu Diego, o pai de Vanesa, á nosa clase para contarnos que era Aldeas Infantiles e cal era o seu traballo alí. Explicounos que hai varias Aldeas repartidas polo mundo onde acollen e atenden a máis de 20.000 nenos e nenas. Díxonos que viven alí porque non teñen pais ou porque non saben coidar dos seus fillos e fillas; algúns  só están alí polo día pero outros viven sempre alí. Diego contounos que os que viven alí fan a mesma vida que calquera outro neno, pero en vez de ser atendidos polos seus pais, son os traballadores como Diego os que se ocupan de coidalos  e de darlles cariño. Vanesa  explicounos que ás veces seu pai non durmía na casa porque tiña que quedar a durmir alí. (Nenos e nenas de 4º).
" El mostrounos unhas imaxes para ir explicando que aí coida  nenos e que na súa casa tamén coida aos seus  fillos. Fan o mesmo que todos só que os nenos están alí porque as súas mamás e papás non sabían coidalos. Un bico. Moitas grazas." (Vanesa 4º)


                                       

RESPOSTA Á NOSA CARTA POR PARTE DA ANPA

Hai uns días recibimos unha carta da presidenta da ANPA respondendo á solicitude que presentamos os nenos e nenas de 4º para que houbese actividades extraescolares máis baratas para que todos os nenos e nenas puidesemos participar nelas. Nesa carta dicíanos que lles parecera unha unha proposta moi boa.
O venres pasado, María Cernadas ( nai do noso compañeiro Manuel e presidenta da ANPA) veu á nosa clase para explicarnos que levaran a nosa proposta ao Concello e que estaban preparando unhas becas para as familias que non poden pagar actividades extraescolares para os esus fillos e fillas.
Grazas á ANPA por atender a nosa solicitude e, sobre todo, a María por vir informarnos.

(Alumnos/as de 4º)


                                         

6 feb 2016

"Entroidando"na aula

Chegou o Entroido e, como non, hai que disfrazarse e pasalo ben. Na nosa clase algúns non querían ir disfrazados pero, ao final, animáronse e pasámolo todos e todas moi ben. E antes do desfile no pavillón estivemos quentando motores.