22 mar 2013

COCIÑAMOS AS HAMBURGUESAS!

Os preparativos fixémolos traballando en equipo; cada equipo encargouse de facer unha cousa diferente ata que deixamos repousar a carne xa adobada.
Entón fomos preparando a limonada e facendo unhas fichas coas secuencias da elaboración das hamburguesas.
... e xa chegou o momento de elaborar as bólas para facer as hamburguesas (cada un fixo dúas) e poñelas á prancha.
E a comerrrrrrr!: con queixo, leituga, cebola, mostaza ou ketchup. Fomos elixindo o que nos apeteceu para rechear o pan.
Estaban RIQUÍSIMAS!
E Sabela trouxo o postre: bombóns e tarta con galleta e chocolate, todo feito por ela e tamén riquísimo.

21 mar 2013

FALAMOS POR SKIPE CON TZARIK!

Hoxe foi un día de grandes emocións: apareceu na clase Faruk, o pai de Tzarik, para facer unha conexión coa súa casa en Uzbequistán.  A sorpresa foi maiúscula, algunhas caras vermellas, berros e algarabía...
Mostrámoslles uns agasallos propios da cultura uzbeca, con moitos dourados que nos trouxo. Moi peculiar unha especie de sombreiro para que a teteira "non pase frío" (para manter quente o té).
Tzarik é unha nena moi querida por todos e a posibilidade de falar con ela, púxoos un pouquiño descontrolados.
Todos e todas tivemos a posibilidade de falar con Tzarik e con Shoji. Hoxe era día de festa e estaba toda a familia, avós, tíos e tamén habería outros convidados así que estaban con roupas moi bonitas, as mulleres coas mans pintadas coa "henna"... TZARIK ESTABA GUAPÍSIMA!!!
Esta conexión foi moi emocionante e enriquecedora.


RECEITA HAMBURGUESAS

Esta é a receita das hamburguesas que intentaremos facer mañá.


PARABÉNS PARA ANDRÉS NO SEU 9º ANIVERSARIO!

Hoxe tivemos unha nova festa de aniversario: Andrés Martínez cumple 9 anos o domingo 24 de marzo así que aproveitou o día de hoxe para traernos unhas ríquísimas galletas e así facer a festa aquí no cole.
Que maiores vos estades a facer!

20 mar 2013

Semana da Prensa (e II)

Os de 4º tamén traballamos sen libro o día 15, tomando como referencia o periódico La Voz de Galicia. Fixemos varias actividades lendo novas e buscando información, para logo contrastar coa versión online do propio periódico.

Tamén vimos a versión online de El País, El Mundo, El Correo e de The London Times.
Eiquí tedes algunha imaxe da nosa xornada con xornais:





SEMANA DA PRENSA

O venres, 15 de marzo traballamos con xornais e sen libros. Preparamos unha batería de actividades, relativas ás distintas áreas do currículo, que realizaron en equipos (todas a partir dos xornais en papel e tamén dixitais).
Houbo un gran movemento pola aula para consultar mapas, buscar información a través da rede, nos dicionarios...
Durante esta semana aínda continuamos con estas actividades, pero as fotos que vos deixo corresponden á xornada do venres.