O pasado mércores 15 tivemos a oportunidade de compartir con Sebastián e Manuel parte da cultura xitana con contos e música moi fermosa.
Foi no pazo de Don Pedro, no Museo das Peregrinacións, un edificio que coñecían moi poucos compañeiros de Cuarto.
Os contos sobre a creación dos Seres Humanos, no forno daquela muller de longa melena negra e grandes gafas laranxas; e o conto sobre o vendedor de cabalos de Santiago de Compostela que se atopou cun xigante e cun vampiro foron moi curiosos e moi divertidos, tanto polo contido como polo xeito de contalos que tiñan os nosos dous contacontos.
Tamén nos contaron cousas sobre o idioma propio dos xitanos do mundo, o romanó, e da variedade que se fala en España: o caló.
Logo, e vendo que facía bo día, decidimos aproveitar a saída para ver algo que moitos da clase nunca viran: a zona vella de Santiago de Compostela. Paseamos por varias rúas e prazas, e mesmo entramos na Catedral (lugar que alomenos catro nunca visitaran!).
É unha mágoa que, vivindo nun sitio tan fermoso, misterioso e abraiante como Compostela haxa xente que non adique tempo a pasear polas súas rúas e visitar os monumentos, contados entre os máis destacados do mundo. Lembremos que a nosa zona vella é Patrimonio da Humanidade.
1 comentario:
Volvo a desfrutar lendo o post, que bonitos contos e que bonito xeito de contalos!
E tamén mola esta foto cos paraugas apuntando ao alto, noraboa para o fotógrafo!
Publicar un comentario