Hoxe os de Terceiro e Cuarto visitaron a Alameda xunto coas profes Inma e Mercedes, o teacher Pablo e a inestimable axuda da profe Sabela. A nosa guía polo lugar foi Irene.
A visita comezou onda as Dúas Marías (1), punto de encontro obrigado deste parque, e o noso primeiro lugar de visita foi a sequoia (2) xunto a entrada da Porta Faxeira.
Logo visitamos a Oliveira (3) fronte ao instituto Rosalía de Castro, para logo entrar pola Porta dos Leóns a facer a roda da Ferradura.
Todo ao longo do camiño hai fermosos carballos (4) cubertos de carriza todo arredor.
Os nosos pasos leváronnos até a escultura de Valle-Inclán (5)...
...para logo seguir rumbo ao enorme eucalipto (6) que vixía a catedral, chamada a Árbore dos Namorados...
Visitamos unha arboriña de froitos vermellos, o acivro (si, si; non miredes mal: escríbese con V antes de R), que aínda que xa non está en perigo de extinción é unha especie protexida, e hai que coidala! Ao seu carón había un fermoso cedro africano, e tamén un xingko (unha árbore cuxa especie é moi antiga: 270 millóns de anos!) (7).
Logo dimos un paseo polo chamado Xardín de Inverno, onde os xardiñeiros estaban preparando parterres de rosas de moitas cores (8).
Entre tantas flores deunos tempo a visitar á rosa máis bela do noso poemario (9): Rosalía de Castro (que cumpríu 176 anos o pasado domingo!).
A súa estatua conmemorativa nos leva a Arxentina, Nova York, Porto Rico... lugares lonxanos da diáspora galega. Cerca deste punto puidemos ver tamén os pombais, e mesmo a unha fermosa pomba branca.
Agardábanos, a carón dun rododendro, o teixo (10), de follas parecidas ás da sequoia, pero ao mesmo tempo distintas... Que curioso mundo o das prantas!
Rematamos a viaxe por esta Alameda nunha árbore ben estraña, cun nome aínda máis estraño (11): a araucaria.
Agradecerlle a Irene, a nosa monitoria, este lindo paseo no cal aprendimos moitas cousas novas sobre un lugar que xa é un vello amigo: a Alameda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario